miércoles, 18 de junio de 2008

Benigno Alvarez. O "Che" galego



O historiador Santiago Prol achega novas investigacións sobre a vida e a morte do veterinario Benigno Álvarez, "o líder máis carismático do PCE en Galicia"

Benigno Álvarez

"Eu sempre digo que buscamos mitos fóra pero témolos aquí como Benigno Álvarez que para min é o noso Che Guevara". Desta forma plástica define o historiador e mestre Santiago Prol (Maceda, 1960) o veterinario comunista que acadou relevancia no PCE en Galicia durante a II República e que foi duramente perseguido e tras o alzamento militar do 36.

"Foi o líder máis carismático do PCE na Galiza da xeira republicana. Se nas eleccións a compromisarios de febreiro do 36, obtivo máis de 20.000 votos, nas de abril dese mesmo ano conseguiu 85.000 votos. A súa proxección pública era inmensa xa dende antes: cando era candidato da Fronte Popular con Alexandre Bóveda, reuniu máis de 10.000 persoas nunha manifestación que impugnaba os resultados das eleccións na circunscrición ourensá", explica.

Un carisma que se intúe, asemade, dunha descrición que Manuel A. Benavides fai do veterinario comunista galego, incluída por Santiago Prol no libro que presentou o pasado venres, día 13 en Maceda: "De pequena estatura, estreito de peito, a pel morena, o cabelo negro e rizado, e na mirada unha gran luz. Pola faciana de Benigno Álvarez derramábase dozura". Pero se algo define o seu carácter reivindicativo, segundo explica Santiago Prol, era que "pasou de ser un cadro importante da burguesía local, cunha posición económica asentada, a un activista cultural cunhas ideas que o levaron a un partido de esquerdas".

En 1931, entra no Partido Republicano Radical Socialista e incluso chegou a ser nomeado alcalde de Maceda, posto ao que renunciaría en circunstancias pouco claras días despois. Nese mesmo ano, comeza a súa militancia no Partido Comunista Español en Ourense e na súa intervención no Congreso do PCE en 1932 negouse a falar en castelán: dixo que representaba a Galicia e que, polo tanto, só podía falar en galego. "En moitos actos, Benigno Álvarez levaba a galeguistas a Maceda como Ben-Cho-Sey que eloxiaban que falase en galego xa que, daquela, salvo os galeguistas, as intervencións eran en castelán", apunta o historiador.

Outro factor importante da súa personalidade para achegarse á xente era a súa capacidade para analizar a realidade do mundo rural galego.

De feito, presidiu a Federación Campesiña Provincial de Ourense en 1936 e segundo explica Santiago Prol, "facía un labor sindical capital: dende o PCE sabía o importante de inflirtarse nas organizacións campesiñas e era unha persoa moi querida en Ourense".

Sabendo da forza que tiña Benigno Álvarez dentro do PCE, a represión deixouse caer sobre el e a súa familia, coa morte de cinco dos nove irmáns, mais o seu fillo Ícaro. "É un dos casos máis paradigmáticos do exterminio dunha familia, unha das máis masacradas. O historiador Francisco Carballo, que veu á presentación do libro, di que o Auschwitz dos galegos foi o 36, vai sendo hora que se recoñeza", asegura o historiador.

Mostra no Castelo de Maceda
Dende o venres pasado, día 13 até o 20 deste mes, pódese visitar no Castelo de Maceda a exposición "Benigno Álvarez, a mirada de transparencias cordiais" que o historiador Santiago Prol comisariou en 1997. Ese mesmo ano tamén lle organizou unha homenaxe ao comunista de Maceda, que consistiu na inauguración dunha praza co seu nome e unha placa nun monolito en lembranza aos represaliados. "A mostra recuperámola agora e agardamos que se poida ver durante máis días, para que ninguén quede sen vela", apunta.


"Este é un libro de recordos, cargado de humanidade, que revela novas facetas de Benigno Álvarez: o político, o escritor, o humanista", sinala o ­autor do libro. Ao seu ver, representou "un líder revolucionario e pragmático, que abandeirou a resistencia contra o poder, pero só puido acabar intentando salvar o pelexo". O historiador considera que a obra "non é un axuste de contas: eu non son un cazafalanxistas, sempre encaro biografías en positivo pero parece que se tocas ao PCE entras en terreo prohibido".

O libro fai unha achega inédita até agora: a testemuña da súa filla Lola, que a compañeira de Benigno, Enriqueta Iglesias, pariu cando estaba no cárcere no 37. "Descubrín hai dous anos que Lola estaba viva, e fun á súa casa de Xixón a facerlle unha entrevista. O seu relato está cargado de humanidade pero é demoledor. Ninguén lle falara de Benigno, incluso descoñecía que dúas irmás de seu pai vivían en México e outra en Rusia. Incluso descoñecía a homenaxe que lle fixemos a Benigno en Maceda", conta Santiago Prol.

lunes, 9 de junio de 2008

LIBRO BENIGNO ALVAREZ



O próximo venres dia 13 de xuño ás 20:00 horas no Castelo de Maceda (Ourense) realizarase a presentación do libro "Benigno Álvarez, un comunista da Galiza dos anos 30", no que o seu autor e amigo de HISVEGA, Santiago Prol, describe a biografia do veterinario de Maceda, Benigno Alvarez, represaliado polos fascitas durante a Guerra Civil.

Podedes achegarvos a figura deste veterinario a traves do Boletín que HISVEGA publicou en marzal de 2007 (http://www5.colvet.es/aehv/pdf/Hisvega%20marzo.pdf)

Saúdos ao lonxe